Sunday 28 de April de 2024

22 nenas e nenos inician curso na EIM A Rolada, que aínda ten prazas dispoñibles


O curso 2022-2023 na Escola Infantil Municipal A Rolada botou a andar esta semana cun total de 22 crianzas matriculadas. As familias tiveron o luns un encontro co profesorado e con persoal da área de Igualdade para falaren do programa educativo, o martes foi de entrevistas individuais co obxectivo de coñecer con máis detalle as necesidades de cada criatura e, desde onte mércores, o centro xa ferve co rebulir infantil durante estes primeiros días do período de adaptación. O arranque do curso, segundo as mestras, “está indo moi ben”, case sen choros e nun ambiente moi tranquilo.

Tal e como comentaba esta mañá a directora do centro, Lucía Formoso, das 22 nenas e nenos matriculados só houbo 9 incorporacións, de maneira que a maior parte da rapazada xa se coñece do ano pasado e, polo tanto, a volta á aula estalles sendo máis doada.”Case todas as crianzas de 2 a 3 anos estaban xa na escola o curso pasado, só hai unha incorporación nova, e entón ao ter un grupo moi tranquilo esa crianza tamén o leva mellor”, explica Formoso.

No caso da aula de 1 a 2 anos, que conta con 10 meniñas e meniños, case todas son novas incorporacións e por ese mesmo motivo cabería agardar que o inicio do cole lles fose un chisco máis duros. Porén, segundo aseguran desde a EIM a cousa “está indo mellor do que agardabamos”.

As 22 prazas asignadas están ocupadas da seguinte maneira: 1 na unidade de 0 a 1 ano, 10 na unidade de 1 a 2 e 11 na de 2 a 3 anos. Desta maneira no centro aínda quedarían 16 prazas vacantes que poden solicitarse en calquera momento: 7 na das crianzas de 0 a 1 ano, 3 na de 1 a 2 anos e 6 na aula das nenas e nenos de 2 a 3 anos.

Desde este curso, o servizo de conciliación é gratuíto en canto a matrícula e custes de atención (non así os servizos complementarios como é o caso do comedor). Con este novo escenario -que se fixo oficial a principios de agosto e co proceso de solicitudes de praza xa completado-, o Concello e a dirección da EIM A Rolada confían en que nos próximos meses se cubran a maioría das vacantes dispoñibles. “Co tema da gratuidade esperabamos ter máis usuarias e usuarios, pero non foi así, supoñemos que froito da inseguridade e da pouca información que había sobre como se ía aplicar esa gratuidade. Pero agardamos que ao longo destes meses as matrículas vaian aumentando”, comenta Lucía Formoso.